2013/04/07

Martázul vs. Cincuenta sombras



Como parte do alumnado feminino andaba "fascinado" con esas Cincuenta sombras decidín darlles unha oportunidade aínda que tanto as citas coas que se anuncia como a sinopse xa me facían recuar. Resumindo, só utilizaría algúns fragmentos do comezo de Cincuenta sombras como mostra de recompilación de tópicos sexistas. Onde o ídolo é un "megaempresario, enigmático, moi novo, atractivo, moi atractivo, alto, cun elegantísimo traxe gris, camisa branca e gravata, Adonis, megatriunfador...", non alcanzo máis que a ver unha versión de Pretty woman á que lle engadiron sexo na que a ela só lle resta estar agradecidísima de por vida a ese home superior por se ter fixado nela, unha pobre rapaza que nada merecería da vida máis que estar encerrada nun cuarto lendo libros de historias que nunca lle ían acontecer. Como diría unha alumna miña: Que fuerte!
Iso si, lendo o primeiro volume, que xa a triloxía me parecía sacrificio de máis, tirei un proveito da experiencia: comprobei que no iPad tragas máis rápido un mal libro.
E lembreime dun libro do que gostara moito no seu momento, Martázul de Xosé A. Perozo, Premio Blanco Amor de 2001, unha obra erótica en galego da que se venderan 3.000 exemplares en 26 días e que esgotara axiña a primeira edición. Hoxe podemos descargar de balde o pdf dende o vello Vieiros.
E por se algunha ou algún se anima, e dende o meu máximo respecto polo seu traballo, gustaríame informar os membros da AELG de que o meu alumnado adolescente está constituído por rapaces e rapazas do seu tempo, sans e cun desenvolvemento psicolóxico acorde á súa idade e que non se senten atraídos por protagonistas de novelas xuvenís paspáns e asexuados.
Outro día falaremos da oferta de literatura erótica en galego. 


Nota curiosa e persoal: sobre unha mostra de persoas que coñezo, que por esta altura xa debe andar preto das cen mulleres, só a dúas non lles gustou o libro de Perozo.

2 comentários:

susana moo disse...

Encantadísima de escoitar falar a unha profe sobre a educación sexual a rapaces e rapazas, noraboa.

No meu sitio, no meu traballo, fago un esforzo por acadar ese erotismo sexual non sexista.
Quedas invitada: http://www.susanamoo.com/

A profa disse...

Moitas grazas. Visitarei a túa páxina.
Saúdos.