2013/10/10

Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida

A homenaxe colectiva
PILAR PONTE 

Con Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida realízase un acto de xustiza cun autor do exilio interior, ese exilio moito tempo infravalorado no seu labor de sostén da vida cultural galega durante o período da ditadura franquista.

Na obra, aqueles que tiveron un contacto directo co escritor e xornalista van construíndo o seu perfil biográfico. Atopamos aquí o que o coordinador do volume, o escritor e estudoso Ramón Nicolás, deu en chamar a “causa Lueiro”, un círculo dos afectos ao redor do autor de Fornelos de Montes. É por iso que non cabe falar dun ensaio ao uso, xa que se abandona aquí o estudo distante para sentir que “as lembranzas son difíciles”, como recoñece o fillo do autor, e entramos nese roce pel con pel.
Intervención de Ramón Nicolás na presentación do libro no Grove (Fotografía de Todo Grove).
O volume avanza con estudos sobre a obra da que se ofrecen textos inéditos e chegamos a entender como o contacto coa xente da emigración en Arxentina vai influír no paso do castelán ao galego no autor.
Este libro contén ademais unha homenaxe artística colectiva na que participan máis dunha vintena de autores e autoras de diferentes xeracións creativas con producións que van dende a ilustración ata a poesía e a prosa pasando pola caricatura, completando deste xeito un fermoso mosaico de admiración e solidariedade.


NICOLÁS RODRÍGUEZ, Ramón (Coord.): Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida. Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2013. 224 páxinas.
_________

Este texto foi publicado o 10 de outubro de 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

Nenhum comentário: