2013/10/05

"Feminismos" e aprender a estar


PILAR PONTE

Cando vin o filme A onda (2008) de Dennis Gansel que demostra como calquera cidadán democrático é susceptible de ser manipulado para se converter en parte dun sistema ditatorial, pensei que debería ser obrigatorio para todas as persoas o seu visionado para saber estar alerta en democracia. Despois de ler Feminismos, teño unha sensación semellante, a de ter asistido a unha ensinanza fundamental que debería ser compartida e xa non hei esquecer. 


Este volume a catro mans chega a nós grazas á profesora Olga Castro (que nace así de forma exitosa para o ensaio longo despois dunha ampla experiencia en artigos académicos e divulgativos) e á polifacética María Reimóndez (tradutora, ensaísta, novelista, poeta, activista...) que constrúen un ensaio divulgativo rigoroso e ameno que espero teña un longo percorrido lector na nosa sociedade.













A obra estrutúrase en catro grandes bloques de achegamento ao tema. O primeiro deles está dedicado a establecer unhas liñas definitorias mínimas do que podemos considerar feminismos. O segundo bloque dá conta das voces múltiples dos feminismos en Occidente, en Asia ou en África, aquí haberemos de atopar, tamén, un apartado destinado especificamente ao desenvolvemento dos feminismos en Galicia de indispensable lectura, pois estrutura e visibiliza movementos e persoas dende a Idade Media ata os nosos días. O terceiro bloque titulado “Temas planetarios” é especialmente interesante en canto analiza aquelas problemáticas comúns como a violencia de xénero, a maternidade ou a orientación sexual que percorren todo o planeta. O ultimo bloque, “Os feminismos e as disciplinas” ensínanos como os feminismos contribuíron a cambiar as formas de ver e facer nos diferentes ámbitos da cultura, por exemplo no ensino onde están a defender unha escola coeducativa que persegue a pluralidade, a liberdade e a igualdade. Ademais, o libro inclúe un completo índice analítico así como tamén, unha bibliografía recomendada moi actualizada.

Feminismos non só é unha transmisión de datos, é a experiencia de aprender a estar na vida como muller, privativa das mulleres, e porén necesitada tamén dos homes. É a vivencia de se saber pertencente a “esa inmensa revolución pacífica que día a día muda todas as sociedades para facelas máis democráticas”, unha obra que deixa pouso no corazón.

CASTRO, Olga / REIMÓNDEZ, María: Feminismos. Vigo, 2013. 292 páxinas.
_________

Este texto foi publicado en 2013 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo.

2 comentários:

peke disse...

Aínda non tiven ocasión de lelo, pero abres boca. Espero non tardar moito.

A profa disse...

Anímote a facelo.